Diversos obradoiros e ludotecas para nenos en Sanxenxo, a Illa e Vilagarcía

    obradoiros_nadal100_001.jpgCOMARCA > A Casa de Cultura de Vilagarcía está completamente decorada polos nenos do concello. O esforzo e traballo dos cativos…

    …encheu a sala principal da Casa con debuxos para o concurso de carteis da cabalgata de Reis e cos Beléns de varios colexios. Orixinalidade e bo gusto caracterizan tódalas obras expostas.

    Catro colexios participan cos seus beléns… verdadeiras obras de arte, nas que non falta detalle. O colexio de Rubiáns fixo un, pintado polos alumnos e profesores, cun portal de pedra que acolle o nacemento. O colexio filipense Sagrada Familia quixo representar a San José, a virxe María e o neno, a tamaño case, case natural, polo grupo Jofil.

    Os detectives verdes de Aralde atoparon “un tesouro no lixo”. Así é como titularon o seu belén, realizado con material de desfeito e reciclaxe. O traballo fixérono once nenos e nenas da escola infantil Aralde.

    E outro dos beléns é do grupo Axóuseres. Chámase “A gamela de Belén” e está moldeado en plastilina ata o último detalle.

    As paredes da Casa de Cultura seguen tamén empapeladas cos debuxos do concurso para o cartel da Cabalgata de Reis Magos, que xa acadou o gañador e os dous accésits.

    RADIO NA ESCOLA

    Pola súa banda, nenos e nenas do colexio A Torre da Illa de Arousa, teñen estes días, a oportunidade de aprender moito de medios de comunicación. A través dun obradoiro de radio, os participantes coñecerán unha emisora por dentro, o que de veras fan os profesionais cando nos tan só escoitamos do outro lado. A idea é que entre os participantes, pódase descubrir algún talento oculto

    Na radio, locutor e técnico van ligados… non se concibe unha emisión sen un destes profesionais das ondas. Ambos, son imprescindibles, e esta é a idea que pretende transmitir este obradoiro. Trece anos de experiencia avalan á agrupación “Dez de dez”, os encargados de compartir coñecementos cos rapaces do colexio A Torre.

    No 2001 levouse a cabo o primeiro dos obradoiros de radio escolar e dende entón, os seus responsables teñen como meta facer que os rapaces adquiran pequenos coñecementos.

    A locución, a técnica… o funcionamento interno da radio, algo que forma parte das nosas vidas e que está presente en tódolos fogares. Iso si, ten que ser dunha maneira orixinal e divertida que converta estas mañás en momentos agradables.

    Radio Carcamán xa está en funcionamento. Os participantes no obradoiro levarán a gravación do seu traballo para casa. Sen dúbida, un bo recordo para eles, sexan o que sexan de maiores, tal vez algún, estrela da radio.

    LUDOTECA EN SANXENXO

    Tamén en Sanxenxo, Vilalonga e Portonovo acoden estes días moitos nenos á ludoteca organizada polo concello de Sanxenxo no Pazo Emilia Pardo Bazán. Os pais teñen así a seguridade de que mentres eles traballan, os nenos están atendidos por monitores durante as vacacións de Nadal das escolas. Ademais, aprenden cociña e manualidades orixinais e divertidas.

    A concellería de Educación e Cultura do concello de Sanxenxo organiza durante as vacacións de Nadal, unha ludoteca no pazo Emilia Pardo Bazán. Acoden nenos e nenas organizados en dous grupos, de tres a cinco e de seis a doce anos.

    Participan previa inscrición, cincuenta rapaces atendidos por doce monitoras de animación socio- cultural. A ludoteca ten unha parte de cociña e outra de xogos e manualidades diversas, tanto para os cativos como para os maiores.

    A ludoteca funcionará dende hoxe ata o próximo día catro. Os nenos repartiranse por Sanxenxo, Vilalonga e Portonovo, dous días en cada lugar agás os fins de semana.

    Redacción Sanxenxo