Portos estuda que o concello de Rianxo xestione o interior do paseo da Ribeira

    RIANXO> Portos de Galicia e o concello de Rianxo estudan a posibilidade de establecer un convenio para a xestión municipal do interior paseo da Ribeira. Deste xeito, a administración local asumiría as competencias da recadación das taxas que deben aboar os hostaleiros pola instalación das terrazas. Hai tempo que o concello de Rianxo ven demandando a xestión da zona interior do paseo da Ribeira. Alí emprázanse numerosos locais hostaleiros que deber aboar as taxas correspondentes pola instalación de terrazas en dominio portuario. Co obxectivo de buscar unha fórmula que permita trasladar as competencias sobre este ámbito á administración local, Portos de Galicia e concello mantiveron unha xuntanza na que se comprometeron a estudar varias alternativas. Na actualidade, o concello xa asume o mantemento dos servizos nesta zona polo que non ve impedimento para xestionar tamén a instalación das terrazas. Esta medida beneficiaría ós hostaleiros que pasarían a pagar as mesmas taxas que no resto da vila ó tempo que se simplificarían os trámites para outro tipo de xestión. Nesta mesma liña, o concello reclama tamén a cesión dun espazo ó carón de auditorio que podería empregarse para a construción de aparcamentos e instalacións relacionadas coa actividade portuaria. No transcurso da xuntanza co Portos, abordouse tamén a necesidade de ampliación do náutico que proximamente sairá a licitación. Por último, Porto e concello debateron sobre a planificación de certas actuacións en materia de saneamento que afectarán á zona portuaria.