Os veciños da Pobra xa disfrutan do Teatro-Cine Elma

    POBRA> Esta pasada fin de semana tiña lugar a estrea das instalacións despois da súa remodelación integral nun acto presidido polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Despois de varios anos e interminables obras, o Teatro Cine Elma reabriu as súas portas ó público. Fíxoo por todo o alto, nun acto que contou coa presenza de numerosas autoridades entre os que se atopaban o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso. Foi precisamente o organismo provincial a entidade que asumiu a rehabilitación integral das instalacións, que supuxeron un investimento de preto de un millón de euros entre a adquisición e as obras de reforma do inmoble. O alcalde, Xosé Lois Piñeiro, tivo palabras tamén de eloxio para as persoas que propiciaron no seu día a compra e rehabilitación do inmoble, o anterior alcalde, Isaac Maceiras, e os anteriores presidente da Deputación coruñesa, Xosé Luís Torres Colomer e Diego Calvo, que tamén foron convidados ó acto inaugural. O inmoble presenta na actualidade unha imaxe distinta á anterior, moito máis evidente no seu interior. Entre as obras levadas a cabo figuraron a substitución da cuberta e a estrutura principal, a iluminación e a tabiquería interior, así como a renovación do patio de butacas e o mobiliario. O concello pobrense ten cedida a titularidade do edificio por un período de trinta anos.