Os pais de Artes piden ós Reis Magos unha liña de transporte escolar

    entregacarta_100_28122007.jpgRIBEIRA > Os pais dos alumnos de Artes seguen coa súa particular loita para conseguir unha liña de transporte escolar específica para os seus fillos.

    Esta vez, nun novo intento por chama-la atención da Consellería de Educación sobre o seu problema, acudiron ós Reis Magos para que lle concedan as súas peticións ó longo do presente curso.

    Os pais afectados polas deficiencias do transporte escolar en Artes aproveitaron a presenza do paxe real no auditorio de Ribeira para facerlle entrega dunha carta na que lle piden ós Reis Magos a ampliación da ruta do autobus que actualmente leva ós seus fillos ata o instituto de Ribeira onde cursan estudos. Con este acto simbólico pretenden reclamar novamente a atención da Consellería de Educación sobre un problema que levan denunciando anos.

    Na actualidade, os alumnos de Secundaria non dispoñen dunha liña específica e deben usar o trasporte regular que realiza o traxecto entre Corrubedo e Ribeira. Esta ruta non inclúe paradas nos núcleos de Sego, Gude e Goda, o que obriga a moitos rapaces a percorrer a pé máis dun quilómetro.

    Promesas incumpridas

    Despois de que o colectivo de pais realizara diversas xestión e levará a cabo varias medidas de presión, a Consellería de Educación comprometeuse a negociar coa empresa de trasnporte unha solución ó problema destes rapaces. Solución que de momento non chegou e para os pais preséntanse aínda lonxana.

    A estas alturas do curso, os afectados están cansos de promesas e queren unha solución xa. Na súa loita contan co apoio de tódolos grupos políticos da corporación que xa teñen realizado diversas xestión ante o departamento autonómico.

    Este mesmo venres, a deputada do BNG, Ana Pontón, formulou unha pregunta parlamentaria sobre o estado das negociacións para dotar ós alumnos de Artes dun transporte en condicións. Polo momento, semella que os rapaces terán que armarse de paciencia e afrontar a volta ás aulas, novamente, sen autobus escolar.

    {flowplayer}barbanza/entregacarta.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza