Un raio cae nunha vivenda de Tarrio, en Catoira

    casa_raio_100.jpgCATOIRA > As sete menos dez desta amencida un raio caía nesta casa, a número 57 do lugar de Dimo-Tarrio, en Catoira.

    Desta hora, os seus dous únicos habitantes, o matrimonio composto por Elisardo Bouzas Guillán e María Elena Rey Ferreirós permanecían na cama espertos, a punto de erguerse. A sorte quixo que se atopasen aínda no leito e que o raio só afectase ó inmoble. Pese a que os estragos foron só materiais, o susto non puido ser maior, de non ser porque estes dous veciños de Catoira, manteñen desenchufados pola noite os aparellos eléctricos de maior envergadura.

    Ó parecer ó raio entrou pola instalación eléctrica deste poste da luz que hai diante da casa, e dende alí percorreu toda a instalación eléctrica da vivenda, deixando o seu paso todo queimado e cheo de cascallos. Os expertos din que o raio podería ter saído da vivenda cara a horta, onde levantou postes, vides e mesmo paredes de pedra con gran virulencia.

     Ata o lugar do sinistro asistiron de contado os bombeiros e varios membros dos corpos de seguridade destacados neste concello; co alcalde a cabeza, que quixo ofrecer ós afectados unha vivenda mentres non arranxan a súa vivenda. Ademais, foron moitos os veciños e curiosos que se achegaron ata este lugar a comprobar sobre o terreo os efectos deste fenómeno natural, e tamén a prestar axuda.

    Elisardo e Elena teñen varios ofrecementos para ser acollidos noutras vivendas, namentres a súa casa segue sen luz, sen teléfono e sen calefacción. Malia a que o seu único fillo reside preto deles, en Vilagarcía, eles prefiren seguir vivindo aquí para poder coidar dos seus animais.

    Redacción Salnés.