O PP repasa as necesidades do Barbanza non atendidas polo goberno de ZP

    ppbarbanza_100_090108.jpgBARBANZA > Representantes do PP mantiveron unha xuntanza de traballo para analizar as principais necesidades das comarcas do Barbanza e Muros-Noia.

    Na reunión celebrada este mércores na sede do PP de Ribeira participaron os responsables do partido na demarcación xudicial de Noia, a excepción dos representantes de Noia e Mazaricos que non puideron asistir por motivos persoais.

    Tamén estiveron presentes na xuntanza de traballo o voceiro parlamentarerio do PP, Manuel Ruíz, e o deputado no congreso Antonio Erias. Ambos interesáronse polas necesidades que presentan as comarcas de Barbanza e Muros-Noia, no que respecta ás competencias do goberno central, e que non foron atendidas nesta lexislatura. Precisamente, os populares criticaron duramente a xestión desenvolvida polo goberno de Rodríguez Zapatero en relación á comarca.

    Paseos marítimos

    Segundo Manuel Ruíz, nestes catro anos só se destinaron fondos á comarca para paseos marítimos e repartidos, en ocasións, de forma clientelar. Mentres, indica que existen moitos compromisos que non chegaron a materializarse como a creación dun novo rexistro da propiedade e dun centro comarcal da Seguridade Social ou a ampliación dos servizos dos xulgados. Tamén se referiu Ruíz á Lei da Dependencia, que pese á súa aprobación, aínda non tivo aplicación efectiva na comarca.

    Seguridade cidadá

    O deputado Antonio Erias arremeteu tamén contra a política de Zapatero a quen acusou de ter máis en conta as necesidades dos seus socios de goberno que dos propios cidadáns. Un exemplo é o incumprimento dunha serie de promesas en relación á seguridade cidadá como a ampliación de recursos para a policía nacional ou a creación dun destacamento de tráfico entre outras moitas necesidades.

    Liña de ferrocarril

    Outra das propostas formuladas polo PP refírese á realización dun estudo de viabilidade dunha liña de ferrocarril na comarca para contar con vías de comunicación alternativas e mellora-las conexións, tanto a nivel interno, coma co resto do estado.

    Durante a reunión tamén se abordaron outras cuestións pendentes, que o PP terá en conta no seu programa de cara ás vindeiras eleccións, como a potenciación do servizo de Salvamento Marítimo e a posta en marcha do protocolo anti-contaminación, a modernización dos polígonos industriais ou o fortalecemento do servizo rural de correos, entre outras propostas.

    Redacción Barbanza