O servizo de Gardacostas comisa preto dos trescentos quilos de peixe e marisco

BARBANZA> Os controis realizáronse nos últimos días en diversas zonas da Comunidade. Un total de 884 nasas e butróns, 150 metros de artes de enmalle e preto de 300 quilos de marisco e peixe. Este é o balance realizado polos axentes do Servizo de Gardacostas de Galicia, dependente da consellería do Mar, nos diferentes controis realizados nos últimos días por todo o litoral galego. Na ría de Arousa incautaron un total de 307 nasas e butróns que estaban sen identificar, 150 metros de artes de enmalle e máis de 137 quilos de peixe e marisco, sendo un dos operativos máis destacados no Grove, onde lograron retirar 157 nasas por carecer de identificación e 57 quilos de polbo. Nos controis realizados na ría de Muros-Noia, os axentes requisaron 352 nasas e 33 quilos de marisco. Nesta Ría o control máis relevante foi o realizado en Punta Aguieira, en Porto do Son, e deu como resultado a incautación de 277 nasas que estaban caladas en zona prohibida e sen balizar, e o comiso de 17 quilos de polbo. Mentres que na ría de Pontevedra os axentes fixéronse con 56 útiles, a maioría nasas, e o comiso de 53 quilos de marisco.