Cultura aportará 50 mil euros para a rehabilitación do xacemento de San Finx

    sanfinx_100_090108.jpgLOUSAME > A Consellería de Cultura comprometeuse a apoiar o proxecto de recuperación das minas de San Finx, promovido polo concello de Lousame.

    Dende hai varios ano o goberno municipal pretende poñer en valor un dos seus elementos patrimoniais máis emblemáticos, como é o caso do xacemento mineiro de San Finx, converténdoo ó mesmo tempo nun potente reclamo turístico.

    Primeira fase

    Nun primeiro momento e, en colaboración coa Consellería de Industria que aportou unha subvención de 180 mil euros, levouse a cabo a primeira fase da recuperación das minas coa construción dun Centro de Interpretación aproveitando as instalacións alí existentes dunha vella escola, así como tamén o deseño de itinerarios para coñece-lo antigo poboado mineiro.

    Despois desta primeira fase, están previstas outra serie de actuacións encamiñadas a recupera-las vivendas do poboado e a maquinaria conservada, que segundo os expertos na materia, constitúe un dos maiores patrimonios industrais existentes en toda Galicia.

    Apoio de Cultura

    Por esta razón, e coa finalidade de recadar fondos para este proxecto, o rexedor local, Santiago Freire, mantivo unha xuntanza coa Conselleira de Cultura, Ánxela Bugallo, que se amosou moi interesada no proxecto, comprometéndose a aportar fondos para a iniciativa.

    Así está previsto que a Consellería destine unha contía de 50 mil euros que irán destinadas ós labores de recuperación e rehabilitación da antiga maquinaria do xacemento mineiro. O executivo lousamiano ten previsto tamén editar un vídeo no que se recolla a historia das minas de San Finx para proceder á realización de proxeccións durante as visitas que se realicen ás instalacións de Vilacova.

    {flowplayer}barbanza/sanfinx.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza