Continúan, sen éxito, os labores de busca dos catro desaparecidos no naufraxio do Cordeiro

    naufraxiocordeiro_100_160108.jpgRIBEIRA > Durante o día de hoxe continuaron sen éxito as tarefas de busca dos catro mariñeiros desparecidos no naufraxio do Cordeiro, a pesar da complicada situación no mar, aínda en alerta laranxa polo temporal.

    O director xeral de Transportes do Ministerio de Fomento, Fernando Palao, informaba dende Ribeira, do dispositivo de busca mobilizado composto polo buque Don Inda e o helicoptero de Salvamento Helimer. Mentres, agardan en terra as dúas embarcacións Salvamar, o remolcador Irmáns García Nodal e os helicópteros Pesca I e Pesca II, encargados de relevar ó Helimer.

    Pouco variou a situación durante a xornada de hoxe na zona do naufraxio, manténdose un forte temporal, o que provocou que a maioría dos operativos tiveran que permanecer amarrados a porto. Tan só actuaron o Don Inda e o helicóptero do Helimer Galicia, así como tamén o Pesca I e o Pesca II, que relevaron ó primeiro, durante algunha parte do día. Así o confirmaba o director xeral de Transportes do Ministerio de Fomento, Fernando Palao, dende a Escola Náutica de Ribeira que continuaba hoxe como base de seguemento das operacións de rescate dos corpos dos mariñeiros aínda desaparecidos.

    A pesar dunha leve melloría no tempo ó longo desta mañá, as previsións apuntan de novo a un empeoramento da situación con ventos rolando ó noroeste de forza 7 a 9, con escasa visibilidade e ondas de seis a oito metros que complicarán as tarefas de busca.

    Ante as preguntas dos xornalistas sobre a posible falla de medios, ás que aludía onte o patrón do Praia de Esteiro, embarcación que conseguiu rescatar con vida a dous dos tres supervivientes do Cordeiro, o director xeral de Transportes do Ministerio de Fomento negou tales afirmacións, defendendo o operativo despregado.

    Tres días de loito oficial

    A corporación municipal ribeiresa, emitiu tamén unha declaración institucional na que amosa o seu pesar pola traxedia acontecida no día de onte, establecendo tres días de loito oficial en sinal de dó polas vítimas no naufraxio. Para o sábado pola tarde está previsto un funeral que será oficiado polo arcebispo de Santiago. 

    O Partido Popular de Galicia expresou tamén a súa consternación polo naufraxio do arrastreiro Cordeiro, trasladándolle a súa solidariedade ós familiares e amigos dos tripulantes. Dende o Bloque Nacionalista Galego tamén quixeron expresa-lo seu pesar polos mariñeiros falecidos no naufraxio do pesqueiro ribeirés, transmitindo a súa solidariedade e condolencias ós familiares, amigos e compañeiros do mariñeiro falecido e dos catro que arestora seguen desaparecidos.

    O coordinador executivo do BNG, Francisco Jorquera fixo tamén un chamamento á necesidade de extrema-las medidas de seguridade no mar e de reforza-los servizos de salvamento marítimo, para que estas traxedias non sexan algo periódico nas costas galegas.

    Consternación en Ribeira

    En Ribeira respirábase hoxe unha fonda dor pola traxedia. Así a maioría dos veciños non daban creto o acontecido, tendo palabras de pésame para os familiares das vítimas e dos desaparecidos polo naufraxio.

    A dor e a consternación son os substantivos que mellor definen a situación que se está a vivir en Ribeira a consecuencia do afundimento do Cordeiro, e a conseguinte perda de boa parte da tripulación. A maioría dos veciños deste concello amosábanse indignados polo acontecido, tendo palabras emotivas de apoio para os familiares e amigos das vítimas.

    Funeral por Francisco Alborada

    funeralafogado_200_160108.jpgEsta mesma tarde, ás cinco, tiña lugar na igrexa de San Pedro de Muro en Porto do Son o funeral por Francisco Alborada Rey, un dos mariñeiros do ‘Cordeiro’, cuxo corpo puido ser recuperado no día de onte polos servizos de rescate.

    Ó sepelio asistiron un gran número de veciños do falecido, así como tamén o alcalde da localidade, Manuel Tomé, e demais membros da corporación. Tamén quixeron acompañar á familia nestes tráxicos momentos, os deputados autonómicos, Manuel Ruíz e Xosé Manuel Lage, e varios representantes do executivo ribeirés. O mariñeiro ocupaba no buque o posto de primeiro mecánico, tiña 42 anos. Deixa muller e dúas fillas.

    {flowplayer}barbanza/naufraxiocordeiro.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza