RIANXO> O alcalde de Rianxo mantivo esta tarde unha xuntanza con representantes da plataforma polo centro de día para ratificar o firme compromiso do concello de poñer en marcha este servizo. Adolfo Muíños incidiu ademais na necesidade de seguir instando á Xunta a comprometerse con este proxecto para o que o concello está disposto a ceder as instalacións do pazo de Rianxiño.
A plataforma polo centro de día de Rianxo retomaba este fin de semana as mobilizacións para esixir avances na posta en marcha dun servizo tan demandado. O alcalde de Rianxo reuníase esta mesma tarde con representantes da entidade para trasladarlles a vontade inequívoca do executivo de levar a bo porto este equipamento social.
Dende o goberno local barallan incluso intoducir algunha modificación no proxecto para lograr o compromiso inversor da Xunta que, de momento, tan só ofreceu sufragar unha serie de prazas públicas.