A corporación boiresa acorda aprazar o debate sobre a suspensión de licenzas

    BOIRO > A corporación boiresa reuniuse nunha extensa sesión plenaria na que se debateu, entro outros temas, a suspensión de licenzas urbanísiticas en varias zonas do municipio. Finalmente, a proposta quedou sobre a mesa co compromiso de debatela máis adiante, cando se teñan consultado a tódolos sectores afectados.

    Tódolos membros da corporación, coa excepción de Manuel Velo, votaron a favor de apraza-lo debate desta proposta que pretende a revisión urbanística das zonas de Vimieiro, Peralto, o barrio da antiga fábrica Maperlán, a zona de Barraña situada ó carón do pavillón deportivo e o Camiño Real. O obxectivo deste redeseño urbanístico é aumentar os espazos verdes e recuperar o patrimonio histórico do municipio. Os populares apoian a necesidade dunha reordenación pero manteñen que é preciso estudar tódolos proxectos e debatelos con tódolos veciños afectados. Por este motivo, decidiuse deixar a proposta enriba da mesa, co compromiso de debatela nun periodo de dous o tres meses, a pesar do segundo tenente alcalde Manuel Velo, empeñado en levar adiante a suspensión das licenzas.pleno_300_210506.jpg

    O pleno procedeu tamén á aprobación do convenio coa construtora España y Fernández para a realización de melloras no entorno da igrexa de Santa Baia a cambio da cesión dunha parcela de terreo. Os populares abstivéronse na votación por non estar de acordo co proxecto inicial.

    A aprobación do paseo marítimo de Escarabote contou coa unanimidade do pleno así como o proxecto de construción dunha ponte sobre o río Lourido e a declaración da Romaría de San Ramón de Bealo como festa de interese turístico de Galicia.

    Tamén por unanimidade se aprobou a modificación do regulamento do rexistro Civil co fin de permitir a inscrición das defuncións no concello de residencia dos falecidos así como a ordenanza de seguridade, hixiene e limpeza.

    A corporación aprobou tamén a adhesión do concello ó Consorcio Galego de Servizos e Igualdade coa abstención dos concelleiros populares. Este proxecto ten por obxectivo garantir a atención de calidade a colectivos con necesidades especiais tales como a infancia ou a terceira idade.

    Finalmente, o pleno debateu varias mocións presentadas polos populares relativas á execución de obras nas aldeas da serra do Barbanza, a construción dun campo de fútbol con herba artificial ou a limpeza viaria do municipio. Todas elas contaron co respaldo unánime da corporación.

    Redacción Barbanza