Os hostaleiros ribeireses solicitarán a Portos a paralización do cobro das taxas

    terrazas_100_210606.jpgRIBEIRA > Os hostaleiros de Ribeira afectados pola decisión de Portos de Galicia de asumir de forma íntegra o cobro das tarifas das terrazas consideran desproporcionada esta medida, xa que segundo eles repercutirá negativamente nas súas economías. Ademais para eles a medida do ente público vai provocar un agravio comparativo entre os locais que instalan mesas na zona portuaria e qaueles que o fan en zonas de competencia directa do concello.

    Boa parte destes hostaleiros afectados por esta medida mantiveron unha xuntanza na sede da Asociación de Empresarios da localidade.

    Durante a xuntanza os empresarios acordaron enviar, de xeito individual, a Portos de Galicia unha carta na que piden a paralización da medida adoptada polo organismo público.

    Segundo o responsable do sector hostaleiro na patronal local tamén lle comunicarán a Portos que non están dispostos a pagar dúas veces por un mesmo imposto. Neste sentido teñen previsto adxuntar tódalas facturas correspondentes polo pago da tarifa ó concello pola instalación das terrazas.terrazas_200_210606.jpg

    Precisamente o alcalde de Ribeira, Xosé Luís Torres Colomer, vén de enviarlle un escrito ó presidente de Portos de Galicia, Vicente Irisarri, solicitándolle que deixe sen efecto os requerimentos remitidos ós hostaleiros para cobrar unha taxa pola ocupación do presunto dominio público portuario.

    A intención do rexedor ribeirés pasa tamén por manter un contacto constante cos hostaleiros afectados para mantelos informados das actuacións emprendidas polo concello.

    O alcalde ribeirés sinálalle no escrito enviado ó presidente de Portos que os locais e as posibles terrazas dos hostaleiros afectados están nunha zona urbana consolidada, que hoxe en día non pode considerarse  dominio público portuario. Esta área dispón ademais dos servizos de subministro de auga, saneamento, alumeado público, limpeza viaria e recollida de lixo prestados polo propio concello. Pola contra, do valado actual existente na avenida do Malecón, que a entender do concello é o que delimita na actualidade o dominio público portuario, cara o mar, estes servizos son prestados por Portos de Galicia.

    A tese defendida polo concello ribeirés responde tamén a que as sinais de Portos impedindo o acceso de persoas non autorizadas ás instalacións portuarias están localizadas precisamente desde este valado.porto_200_210606.jpg

    Ademais o executivo local considera que esta é a primeira vez nos últimos anos que Portos de Galicia pretende lucrarse destas autorizacións e non sería correcto que os hostaleiros tiveran que pagar a dúas administracións polo mesmo concepto.

    O rexedor ribeirés tamén lle remitiu unha carta ó presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias para solicitarlle o seu apoio diante deste conflito co ente Portos de Galicia.

    Redacción Barbanza