![]()
BARBANZA > Arousa Norte valorou moi positivamente o seu paso pola Feria de Turismo de Madrid (FITUR)…
… na que se promocionou o Barbanza como destino turístico ideal durante todo o ano. Para conseguir este obxectivo, a entidade pretende un incremento da oferta de actividades durante o inverno e baralla a posibilidade de organizar paquetes vacacionais conxuntos con Santiago, que recibe visitantes durante todo o ano.
O Barbanza como destino turítico espertou o interese de miles de visitantes que, durante os cinco días que durou a feira internacional, pasaron polo stand da mancomunidade para coñecer máis de preto os atractivos turísticos que ofrece Arousa Norte. Aínda que houbo de todo, o perfil medio dos visitantes é o dunha parella ou ben familias, que xa coñecen a comarca ou teñen oído falar dos seus encantos. No que respecta ó material promocional, as publicacións que máis chamaron a atención foron a guía das rotas de sendeirismo, un catálogo sobre turismo rural e unha guía gastronómica.
Desestacionalización do turismo
O obxectivo principal de Arousa Norte durante esta feira foi a promoción da comarca como destino turístico durante todo o ano. Esta desestacionalización do turismo, na que a mancomunidade leva traballando xa longo tempo, pasaría por amplia-la oferta de actividades turísticas en inverno.
Tralo seu éxito en Fitur, a Mancomunidade de Municipios xa está a estudar novas iniciativas que contribúan a incrementar a presenza de visitantes na comarca durante o inverno como son a organización de accións conxuntas con Santiago, destino que concentra a maior parte do turismo en tempada baixa, ou a oferta de paquetes vacacionais para viaxes organizadas.
Redacción Barbanza










