Ribeira acollerá un funeral multitudinario en memoria das vítimas do Cordero

    cordero_100_180108.jpgRIBEIRA > Continúa o operativo de busca intensiva dos tripulantes do Cordero sen novidades significativas.

    Durante toda a xornada os remolcadores Don Inda e Irmáns García Nodal inspeccionaron a zona dende Fisterra ata o lugar do naufraxio mentres que seis embarcacións Salvamar rastrearon o litoral. No dispositivo aéreo participaron o avión Rosalía de Castro e o helicóptero Pesca II mentres que en terra, efectivos de Prteción Civil peinaron a costa entre Ortigueira e Ribadeo.

    Despois dunha nova xornada de busca sen obter resultados vanse reducindo as esperanzas de atopa-los corpos dos catro mariñeiros que aínda permanecen desaparecidos.

    Aínda así, os responsables do dispositivo de salvamento, coordinado entre o Ministerio de Fomento e a Consellería de Pesca, optaron por manter o despregamento de medios ante a optimista previsión meteorolóxica que se agarda para as próximas xornadas no mar.

    Con respecto á investigación para determinar as causas do sinistro, non trascenderon demasiados datos. Polo momento, aínda non se produciu a declaración de ningún supervivente, por mor do seu delicado estado piscolóxico e todo apunta a que as primeiras comparecencias podería producirse a partir do luns.

    Funeral

    Tralas tres xornadas de loito oficial vividas polo concello de Ribeira mañá está prevista a celebración dun funeral multitudinario na lonxa de Ribeira. A misa dará comezo ás cinco e media da tarde e estará oficiada polo arcebispo de Santiago, Xulián Barrio.

    Ademais de familiares, amigos e veciños das vítimas, está confirmada a presenza nos actos fúnebres da Ministra de Pesca, Elena Espinosa, o presidente e vicepresidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño e Anxo Quintana, respectivamente, así como os conselleiros de Pesca, Carmen Gallego, e Traballo, Ricardo Varela.

    Tamén acudirán a Ribeira o Delegado do Goberno en Galicia, manuel Ameijeiras e o presidente de Portos, Jacinto Parga. Tampouco faltaran ó funeral representantes dos distintos concellos da zona, que quererán amosar, deste xeito, o seu máis sentido pésame ás familias afectadas por esta nova traxedia no mar.

    {flowplayer}barbanza/cordero.flv{/flowplayer}

    Redacción Barbanza