Catro membros dunha mesma familia ingresados no hospital por intoxicación de fume

RIBEIRA> Foi a consecuencia do incendio que se orixinaba esta mañá no interior da súa vivenda, situada no lugar de Frións.

O incendio orixinábase ó redor das sete desta mañá. Ata o lugar do sinistro, alertados polo 112, trasladáronse efectivos do parque de bombeiros e tamén do Grupo Municipal de Emerxencias. Eles foron os encargados de sufocalas chamas que se orixinaron no interior dunha das habitacións da vivenda. Unha estancia que se veu moi afectada polo lume.

Á chegada dos bombeiros xa non había ninguén no interior da vivenda. Aínda asi, os catro membros da familia, dous deles menores, foron trasladados por precaución ó hospital da Barbanza por intoxicación leve de fume.

Dende o Concello, a través do departamento de Servizos Sociais, xa se puxeron en contacto coa familia para ver se fora necesario a súa axuda.

A Policía Nacional investiga as posibles causas do lume. Todo apunta a que a súa orixe puidera ser un curtocircuíto nunha manta eléctrica.