Vilanova comeza os preparativos da Festa do Momo

reunionmomovilanova100_240108.jpgVILANOVA > A Festa do Momo bota a andar en Vilanova. O Concello iniciou xa os preparativos

… Onte mesmo os concelleiros de Comercio, Javier Tourís, e de Muller, Ana María Carballa, mantiveron unha reunión cos departamentos municipais implicados na organización e cos colectivos do municipio que este ano tamén queren poñer o seu grao de area na preparación do evento.

Así, van colaborar na preparación da festa persoal das Casas de Cultura, de Vías e Obras, e responsables da Policía Local e Protección Civil, ademais de representantes das asociacións de Mulleres Rurais, da asociación de comerciantes Vilanova Centro, da asociación de familias rurais de Corón-Caleiro, da asociación de xuvenil Ansuíña, entre outros colectivos culturais do municipio.

A reunión centrouse na planificación xeral dos actos que se van desenvolver na fin de semana o 9 e o 10 de febreiro. Por cuarto ano consecutivo, a Festa do Momo celebrarase en dúas xornadas para dar maior relevancia a esta tradición de tanta tradición no municipio. O sábado día 9, a partir das 20:00 horas, terá lugar o xa tradicional velorio do Momo diante da Praza do Concello no que non faltarán as choronas, comparsas e a coñecida charanga ‘Morreu Anxelo’. Tamén haberá degustación gratuíta de orellas e filloas, sobremesas típicos de Entroido. Ó día seguinte, domingo de piñata, a partir das 17:00 horas, como vén sendo tradición, sairá á rúa o MOMO ao que seguirá un desfile multitudinario de comparsas e carrozas acompañadas de bandas de música e charangas.

Dende a organización aproveitan a ocasión para animar a todo o mundo a participar nesta festa chea de cor. Son moitas as sorpresas que se están a preparar para esta celebración. Por suposto, como é tradición o último segredo en desvelarse será a identidade do Momo.

Redacción Salnés