RIBEIRA> Aínda que xa está autorizada a reapertura de ximnasios e instalacións deportivas para adestramento individual, a súa posta en marcha non é doada. O concello de Ribeira está a perfilar xa a futura posta en marcha das instalacións da Fieteira prevista para o un de xuño.
Son moitos os ribeirenses que agardan a reapertura das instalacións municipais da Fieteira para poder retomar a práctica deportiva. En principio, no arranque da Fase 2 tan só abrirá a pista de atletismo, o día vinte e cinco de maio. O resto das instalacións terá que agardar ata o un de xuño. O pavillón dividirase en tres espazos para acoller o ximnasio e as actividades dirixidas.
No que respecta á piscina municipal, aínda non hai data para que volva estar operativa. As limitacións que suporía a presenza dun só usuario por calle así como a prohibición de usar os vestiarios fan inviable a súa posta en funcionamento.
O concello traballa tamén no reforzo das medidas de seguridade noutras instalacións municipais como a biblioteca ou a casa consistorial á que a partir do mércores poderase acceder xa pola entrada principal.