O ISM baleira o local do club de xubilados da Casa do Mar

VILAGARCÍA> O Instituto Social da Mariña baleirou o local do club de xubilados de Vilagarcía. A dirección da entidade cambiou a pechadura e levantou acta notarial do feito. Os pensionistas foron advertidos de que debían retirar as súas pertenzas para iniciar as obras, pero os xubilados alegan que non tiñan a onde trasladalos.

O ISM de Vilagarcía baleirou o local do club e xubilados e cambia a pechadura con acta notarial. A dirección do centro trasladou ao presidente dos pensionistas que debían recoller as súas pertenzas para poder iniciar as obras do edificio, pero estes alegan que non tiñan a onde trasladalos.

Unha situación que reaviva a polémica co colectivo, que xa fora desaloxado das instalacións en xuño do 2018 sen que se lles facilitase unha localización que lles convencera.

As pertenzas do club atópanse embaladas nunhas 17 caixas. Pola súa banda, o presidente da asociación sinala que faltan algunhas cousas que non están recollidas no inventario que lle fixo chegar a dirección.

Recordemos que o ISM publicaba hai uns días a licitación da reforma integral da Casa do Mar por un importe de 7,7 millóns de euros, a maior inversión da comarca en infraestruturas nos últimos anos.