COPT só se compromete a minimizar o impacto da ampliación da PO 531

    PONTEVEDRA > As reunións mantidas entre veciños e a Delegada Provincial de Política Territorial, María Isabel Domínguez, polo proxecto de ampliación …

    … da estrada 531 entre Pontevedra e Curro, non impediron que a obra prevista polo departamento autonómico, e agora en fase de exposición pública, siga en pé. Así llo comunicou esta tarde a Delegada en Pontevedra da COPT ós veciños de Sabarís e Campomañó, cos que mantivo unha xuntanza similar á do mércores cos afectados da Devesa e Curro. María Isabel Domínguez si se comprometeu pola contra a visitar en breve as parroquias, co obxecto de intentar minimizar o máximo posible as consecuencias da infraestrutura.

    Na xuntanza, os membros da plataforma de afectados, trasladáronlles á Delegada de Política Territorial, María Isabel Domínguez, as súas alegacións ó proxecto. Unha obra que segundo a responsable provincial da Consellería seguirá en pé, pese as protestas veciñas, que piden un proxecto alternativo, máis humanizado e que non contemple o derribo das súas vivendas. O descontento era o hoxe o sentimento maioritario entre os veciños, que só conseguiron que a Delegada se comprometese a visitar as parroquias afectadas para tratar de minimizar o impacto da infraestrutura.

    A alta densidade do tráfico e tamén a elevada sinistralidade que rexistra, foron os motivos que María Isabel Domínguez deu hoxe para xustificar o proxecto, que cualificou de necesario. Unha necesidade á que os afectados non se lle opoñen pero para a que si propuxeran alternativas, xa que a ampliación da P0 531 para convertela nunha vía de alta capacidade, vai deixar ó seu paso un total de 30 edificacións derribadas, entre elas 11 vivendas. Ademais, tamén lle vai a afectar a outras 700 propiedades.

    Redacción Salnés