A sida fotografiada polas súas propias vítimas en FotogrÁfrica

    fotografica_100.jpgCAMBADOS > A mostra FotogrÁfrica chegou esta mañá ó Centro Comarcal do Salnés, onde vai estar exposta ata 7 de marzo vindeiro. A temática da exposición

    … é a sida, e o seu impacto no continente africano. Un proxecto de Médicos do Mundo, financiado pola Dirección Xeral de Cooperación Exterior e a Axencia Española de Cooperación Internacional, que ten coma protagonistas, e tamén autores das fotografías, ós propios habitantes que conviven co virus do VIH en África.

    "FotogrÁfrica,vidas ó redor da sida", é unha exposición innovadora, non pola temática de fondo das imaxes, senón polos autores das mesmas. E é que desta vez, os encargados de retratar as duras caras do virus do VIH en África, foron os propios habitantes de países coma Mozambique, Senegal, Nabimia ou Angola. Eles son os que sofren as consecuencias da sida, e tamén os que as retratan con estas instantáneas. Fotografías, visitas guiadas e tamén talleres compoñen un proxecto que pretende sensibilizar á xente dos estragos que esta enfermidade segue a causar no mundo.

    A iniciativa de Médicos do Mundo levou a catro fotógrafos profesionais ata estes países africanos, onde lles ensinaron ós seus habitantes as técnicas fotográficas. Logo veu a imaxinación e creatividade das persoas que diariamente conviven coa enfermidade. FotogrÁFrica inaugurouse o pasado 30 de novembro, día mundial contra a sida, en Santiago de Compostela. Dende entón a exposición xa recorreu varias vilas galegas. Agora estará en Cambados en Exposalnés ata o vindeiro sete de marzo.

    Redacción Salnés