Veciños de Fontenla en Portas opóñense ó soterramento dun lavadoiro

    lavadoiro_100.jpgPORTAS > Esta tarde os veciños do lugar de Fontenla-Cachadas, en Lantaño de Portas levantáronse en pé de guerra contra unhas obras nun terreo

    …que está acometendo un veciño seu. O punto da discordia é este lavadoiro común que hoxe mesmo foi despezado e soterrado. Ante esta actuación os veciños mobilizáronse no terreo e comezaron, de xeito espontáneo a coller sinaturas de protesta, para presentar ante o Concello e o xulgado.

    Con estas medidas de presión, os veciños queren que se respecte este espazo común, onde levan indo toda a vida a lavar e a coller auga. Ata este lugar desprazouse esta tarde, segundo os mesmos veciños, o tenente de alcalde de Portas, para informarlles de que esta actuación xa fora aprobada en pleno fai tempo; e que o veciño podería trasladar o lavadoiro a outro punto máis preto da estrada; logo dunha permuta que negociara co concello.

    Non contentos con esta explicación, os veciños solicitaron a intervención da garda civil que foi a pedir explicacións ó propietario do terreo sobre esta actuación. Daquela o propietario amosoulles a documentación ca que testemuña que esta propiedade é súa e que conta cos correspondentes permisos do Concello de Portas e de Augas de Galicia.

    Ovidio lamenta que se dese esta situación que segundo el, responde a unha falta de información por parte dos seus veciños. Malia todo, garante que en breve completará as obras cun novo lavadoiro máis axeitado para os veciños ó lado da estrada e que neste espazo fará unha finca, posiblemente para plantar vides de Albariño.

    Redacción Salnés