Comeza a loita por meterse no playoff na Liga Feminina

baloncesto250_220208.jpgSALNÉS > Volta a Liga Feminina trala disputa da Copa da Raíña, e o Extrugasa centra a súa mirada nos playoff polo título; o seu rival de mañá será o Hondarribia. Mentres o Inelga tentará acada-la súa cuarta victoria consecutiva ante Marín Peixegalego.

Rival complicado o que visita mañá ó Extrugasa. Trátase do Hondarribia, décimo calsificado e que buscará unha victoria que lle poda seguir mantendo vivo de cara á loita final por meterse no playoff. As vilagarciáns acuden á cita descansadas, despois de oito días sen competir, dende o venres pasado en Sevilla na Copa da Raiña.

As de Isaac Fernández traballaron esta semana para correxi-los erros que lles fixeron caer ante o San José; o nivel da defensa continúa a ser moi alto pero o problema está agora no ataque no que só Kiesha Brown funciona habitualmente coma referente, despois da irregular campaña que están a facer as xogadoras de dentro e tamén as do perímetro.

Polo equipo vasco haberá que ter en conta fundamentalmente a dúas xogadoras: Shameka Christon, terceira máxima anotadora da Liga, promedia máis de 19 puntos por encontro e á letona Zane Tamane, unha das mellores reboteadoras da competición con oito capturas por partido. No xogo interior estará sen dúbida unha das claves, xa que o Hondarribia é o terceiro equipo que máis rebotea desta Liga. O encontro, mañá a partires das 19:30 en Fontecarmoa.

Na EBA, o Inelga buscará a darlle continuidade á súa xeira victoriosa ante un Marín Peixegalego que comeza a supera-la crise que lle levou a perder 8 dos últimos dez partidos. Tódolos xogadores estarán a disposición de Juan Espiñeira para tentar acadar un triunfo que lles achegaría á permanencia.

Destacar tamén o partido que o Establecimientos Otero xogará en Ourense ante o Universitario. Encontro a priori sixelo para os Diego Doval xa que o seu rival é o pechacancelas da categoría e leva trece derrotas consecutivas.

Redacción Salnés