Chega o último Harry Potter ás librerías

    harrypotter_100.jpgPONTEVEDRA > A sétima e última entrega de Harry Potter xa chegou ás librerías. Unha espera que se alongou ata as seis e media da tarde,

    … hora na que deu comezo a venda dos libros. Non houbo grandes colas nas tendas da capital da provincia pontevedresa, pero si unha periódica entrada de clientes, case todos, co obxectivo de mercar o libro.

    Harry Potter y las reliquias de la muerte é o último libro da saga literaria creada por J.K. Rowling. Ponse con el punto e final a unha das historias que máis seguidores acadou nos últimos anos. Uns lectores que onte acudían fielmente ás librerías a mercar o seu exemplar. A hora da cita era ás seis e media da tarde.

    Non se deron grandes colas nas tendas de Pontevedra, pero si unha continua entrada e saída de persoas que querían facerse co libro. Algúns deles xa os tiñan encargados, pero non querían esperar un minuto máis para saber como remata a historia. Algúns dos fans do aprendiz de mago comezaron a lelo cando aínda eran cativos, pero a adolescencia, e mesmo madurez, non lles quitaron as gañas e o gusto dun título que atrae tanto a pequenos coma maiores.

    Para as librerías éxitos literarios deste tipo son tamén unha boa nova, xa que non é frecuente vender en menos de 20 minutos ata dez exemplares dun mesmo título, como pasou onte en La Pipa de Plata. Con todo, e a pesar de ser o libro que pecha a historia, tamén nos indicaban onte dende a librería Escolma, que non é o que máis expectación creou entre os lectores, xa que será difícil superar as vendas doutras entregas, coma o acadado pola quinta, Harry Potter y la Orden del Fénix.

    En total, foron editados en lingua castelá un millón e medio de exemplares que as librerías esperan esgotar nos próximos días. Ademais, pero cunha tirada moito menor, tamén se editaron algunhas copias en galego.

    Redacción Salnés