Mecos participará xunto a Bueu na Regata da Concha

traias250_100909.jpgGROVE> Se ben é certo que na Regata da Concha, a máis prestixiosa do calendario, non haberá embarcacións representando a Galicia en categoría masculina, si as haberá na femenina. Mecos participará xunto a Bueu este sábado na clasificatoria que lle pode dar acceso á final do domingo.

A temporada de remo deixou un sabor agridoce. Os equipos arousáns asinaron unha gran campaña pero renunciaron ó playoff de ascenso á ACT pola falta de viablidade económica e deportiva, casos de Cabo de Cruz e Mecos.

Pero o club grovense poderá resarcirse de certo xeito esta fin de semana, en categoría femenina, na regata de maior prestixio de cantas se disputan, a Concha. Ata a bahía donostiarra desprazaranse 17 rapazas, que conforman o conxunto Mecos-Bueu, dez delas son de O Grove, as restantes do club do Morrazo.

Deberán competir xunto a outras dez embarcadcións, dúas delas galegas: a Rías Baixas, formada por remeiras de Cabo, Meira e Chapela, e coa Artabria, na que están presentes unha selección de A Cabana, San Felipe e Perillo. Xunto as galegas, estarán entre outras Astillero, Natación Badalona, Hondarribia ou Tolosa. Todas elas, buscarán nunha comntrareloxo, a disputarse o sábado a partires das seis da tarde, ser un dos mellores catro tempos que dan acceso á quenda do honor, que se celebra o domingo ás once da mañá, xusto antes da dos homes. Estar nesa gran final será o obxectivo de Mecos, que foi segunda este ano na Liga Galega.

Parten esta noite rumbo a San Sebastián ás 5:00 a.m. Farán unha parada en Castro Urdiales onde  levarán a cabo unha sesión de adestramento e pola tarde partirán cara Donosti.

A gran favorita segundo os entendidos, a embarcación Rías Baixas, na que reman as rapazas precisamente de Cabo de Cruz, defensora do título e sen dúbida a traíña máis rodada de todas. Xunto a ela, as galegas e Astillero deberían estar loitando pola Concha. 

Redacción Salnés