A Protectora de animais de Vilagarcía denuncia á protectora de animais de Rianxo por maltrato

    fotoprotectora_100.jpgVILAGARCÍA > A Protectora de animais de Vilagarcía ven de denunciar á protectora de animais de Rianxo por maltrato e desatención.

    A orixe desta desagradable nova producíase este sábado, cando os membros da protectora vilagarciá acudiron ó lugar de Villanustre, en Asados, a levar comida á canceira rianxeira, en resposta ós moitos anuncios de petición de axuda realizados dende a mesma. O chegar alí, os de Vilagarcía leváronse unha desagradable sorpresa o ver que uns 70 cans se atopan amoreados e nunha situación totalmente insalubre. Estes animais durmían sobre material de refugallo, lixo, os seus propios excrementos ou cadáveres doutros e comían as vísceras dos finados.

    O peor aínda non estaba na canceira, senón na vivenda das dúas propietarias, nai e filla; que se levaban para casa os animais en peor estado; sobre todo cando sabían que había inspeccións do Seprona ou de Sanidade. No seu fogar, posuían outros 47 cans nun galpón situado ó lado do camiño, que convivían cos corpos sen vida doutros moitos.

    Os propios protectores de Vilagarcía intentaron razoar cas propietarias, que malia poñer cartos do seu peto para alimentar os animais, non eran quen de ver que os animais sobrevivían en pésimas condicións hixiénico-sanitarias. Ante este espectáculo dantesco, os responsables da protectora de Vilagarcía denunciaron os feitos ante a Garda Civil e o Seprona; que nos vindeiros días limparán o entorno e redesviarán os animais a outras protectoras en condicións; como esta de Bamio, en Vilagarcía. Agora, os de Vilagarcía teñen medo que este caso empañe a boa imaxe que teñen este tipo de organizacións en toda Galicia.

    A Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia ven de anunciar a súa intervención neste asunto, en colaboración co Concello de Rianxo. Deste xeito mañá enviarán unha unidade móbil do Hospital Clínico Veterinario Rof Codina, e un equipo de veterinarios que se ocuparán de avaliar clinicamente ós animais, desparasitalos interna e externamente, vacinalos e identificalos; antes de valorar a posibilidade de reenvialos animais a outros centros.

    Redacción Salnés