ADADE cre que a manifestación dos mexilloeiros prexudicará o sector

    SALNÉS > Quen non se sumará a esa manifestación é a Asociación Galega de Depuradores de Moluscos. O seu presidente, José Daporta, defende nun comunicado o traballo científico do Intecmar e aposta pola colaboración coa administración autonómica. Agade cre que a manifestación irá en contra do propio sector do mexillón.

    A marea vermella é un problema biolóxico que non se resolve con manifestacións nin con presións. Así se manifesta nun comunicado José Daporta, presidente da Asociación Galega de Depuradores de Moluscos. Daporta cre que a manifestación convocada por varias asociacións de mexilloeiros pode precipitar solucións moi arriscadas que puideran prexudicar ó propio sector.

    Agade considera adecuado que se lle reclame á Xunta un compromiso para realizar un estudio dos distintos métodos de análise, pero ve absurdo e irracional pedir que o resultado sexa favorable e ademais esixir datas. A asociación de depuradores critica as concentracións realizadas por bateeiros ante o Intecmar e cualifica de irresponsabilidade por en tela de xuízo as análises, resultados e métodos dos científicos que levan décadas traballando e estudiando as mareas vermellas. Neste senso, Daporta lembra que dubidar do traballo do Intecmar é dubidar da salubridade do mexillón que sae ó mercado.

    Agade mantén que unha manifestación non soluciona nada, que só beneficia ós políticos, e que supón un paso atrás na imaxe do sector e do mexillón en xeral. O colectivo de depuradores aposta pola colaboración e o entendemento coa administración e insiste en que o problema radica no tempo que se precisa para investigar e obter resultados, non na Consellería de Pesca. Daporta remata o comunicado advertindo que a manifestación pode ocasionar a desunión do sector. 

    Redacción Salnés