Compromiso autonómico para resolver urxentemente os problemas da autovía

    reuniondelegadoalcaldes_100_100270308.jpgBOIRO > O delegado de Política Territorial comprometeuse a axilizar ó  máximo posible a resolución das deficiencias derivadas das obras da autovía.

    {flowplayer}barbanza/reuniondelegadoalcaldes.flv{/flowplayer}

    Poucas novidades deron de si as máis de dúas horas que durou a xuntanza celebrada en Boiro entre os alcaldes do Barbanza e o delegado de Política Territorial na provincia da Coruña, Alberto González.

    O obxectivo dos rexedores era transmitir novamente ó departamento autonómico as queixas polo numerosos problemas que están a ocasionar as obras da autovía nos seus concellos e instar á que se solventen de xeito urxente. Así, os alcaldes volveron expoñer as incidencias que están a afectar a numerosos veciños, principalmente relativos ós accesos a varios núcleos de poboación.

    O delegado provincial reiterou o seu compromiso de instar á empresa concesionaria, Sacyr, a axilizar a corrección das deficiencias xurdidas da execución das obras.

    Problemas administrativos

    Máis complicada se presenta a resolución dos problemas de carácter administrativo, como son as negociacións con varios propietarios afectados nas pontes do Freixo e Ponte Barbanza na Pobra, ou Manselle, en Dodro. O ente autonómico tentará chegar a acordo cos titulares dos terreos e de non ser así optará pola vía expropiatoria.

    Melloras na AC-305

    Durante a xuntanza, o alcalde pobrés, Isaac Maceiras, tamén expuxo a inquedanzas veciñais relativas ás expropiacións contempladas na reforma da AC-305. O delegado explicou que nestes intres estase a realiza-la comprobación do proxecto co fin de minimiza-lo seu impacto nas propiedades. Unha vez rematado o estudo notificaraselle tanto ó concello como ós propios veciños. Alberto González anunciou ademais que as melloras de seguridade vial na estrada comarcal estenderanse tamén a outros concellos.

    Haberá que agardar agora para ver se os compromisos adquiridos polo delegado se materializan e comezan a solucionarse os problemas da autovía. Os alcaldes confían en que así será pero prefiren ser cautos. A próxima reunión non se producirá ata que comecen a verse os resultados; tanto dende a Xunta como dende os concellos agardan que non transcorra máis dun mes ata este encontro.

    Redacción Barbanza