O executivo rianxeiro continúa coa promoción do polígono de Té

    RIANXO> Segundo o alcalde o parque empresarial presenta unhas condicións inmellorables, polo que non entende que non levante o interese suficiente no empresariado da comarca. A pesar de que nos últimos meses foron varias as empresas que se achegaron ata o concello para coñecer as características do actual polígono de Té, a día de hoxe tan só hai asentadas neste espazo unhas sete firmas. Un número escaso, que non responde ás inmellorables condicións deste parque empresarial, ben situado estratexicamente, moi próximo á autoestrada do Atlántico e mesmo ós aeroportos. Coa finalidade de incentivar a ocupación do parque, o executivo rianxeiro está a desenvolver tamén un plan de promoción do polígono, mediante rebaixas nos importes de construción para aquelas empresas que se asenten en Té O rexedor local lamentou tamén que a Axencia Galega de Infraestruturas lle denegase a instalación de diversos paneis informativos na entrada da autovía do Barbanza, como unha máis desas accións de promoción do solo empresarial de Té.