Os afectados polas melloras na AC-305 concéntranse para esixir a paralización das expropiacións

    POBRA > Os afectados polo proxecto de mellora na estrada AC-305 ó manifestáronse ás portas da casa consistorial co fin de dar a coñecer a súa situación ó resto da cidadanía.

    Este mediodía, os veciños afectados polas expropiacións que implica o proxecto concentráronse diante do concello, cruzando a rúa repetidamente para entorpecer o tráfico e recollendo sinaturas de apoio. Dous axentes de tráfico permaneceron na zona para regular a circulación e impedir incidentes aínda que foi inevitable que xurdiran algúns momentos de tensión durante a protesta.

    Deste xeito, os afectados queren amosar a súa indignación co xeito de actuar da Consellería de Política Territorial. Os veciños enteráronse das expropiacións cando os técnicos se personaron nas súas fincas para iniciar as medicións sen que lles fora notificada por parte da administración autonómica.

    67 parcelas afectadas

    Tralas protestas iniciais, o delegado de Política Territorial, Alberto González, desprazouse ata a Pobra onde adquiriu o compromiso de estuda-lo proxecto para minimizar a afección. Sen embargo, os afectados acaban de recibir a notificación do levantamento das actas de expropiación forzosa que darán comezo o vindeiro mércores día 7. Expropiación que afectará a numerosas fincas, peches e mesmo a varios negocios.

    Os veciños non se opoñen ó incremento da seguridade vial na zona pero esixen que se realice un proxecto consensuado cos afectados. Ademais consideran que moitas das actuacións contempladas por Política Territorial son innecesarias nunha estrada con índices de sinistralidade moi baixos.

    Paralización dos trámites

    O vindeiro luns, tanto os afectados, como os representantes dos distintos grupos con representación no concello manterán un encontro con representantes de Política Territorial. O obxectivo é que se paralicen os trámites da exporpiación e se inicie o estudo dun novo proxecto para dar resposta ás necesidades de seguridade sen supoñer un custo tan elevado para os veciños.

    Iniciativa parlamentaria

    Dende o grupo parlamentario popular xa se tomaron medidas previas para evitar a expropiación. Esta mañá, o portavoz do PPdeG, Manuel Ruíz, presentou unha proposición non de lei no parlamento solicitando a paralización dos trámites de expropiación e o inicico dun novo proxecto, froito do consenso cos afectados e que se someta a exposición pública para garantir a máxima transparencia.

    Os populares agardan que esta iniciativa saia adiante, baseándose en varios puntos como, por exemplo, que as actuacións previstas alteran o PXOM recentemente aprobado posto que afectan a zonas verdes e bens de interese público como a praza maior.

    Sen vítimas

    Así mesmo, remítense a un informe da Dirección Xeral de Tráfico solicitado polo concello da Pobra que ratifica a escasa sinistralidade rexistrada nesta zona nos últimos cinco anos, nos que non se rexistrou nin unha soa vítima mortal. De non conseguir paralizar o proceso mediante a vía parlamentaria, o concello está disposto a convocar un pleno para solicitar a revisión do proxecto.

    Redacción Barbanza