Os socialistas ribeireses critican o retraso do PP na contratación de brigadas contraincendios

    RIBEIRA > A executiva local do PSOE de Ribeira vén de verter duras críticas sobre os alcaldes do PP, especialmente sobre o grupo de goberno do seu concello. Os socialistas denuncian que a secretaría de organización do PP da Coruña ordenou ós rexedores populares a actuar con dilación facendo responsable ó goberno da Xunta dos retrasos na contratación das brigadas contraincendios. Segundo o grupo socialista esta actitude contribuíu a agravar a vaga de lumes que viviu Galicia o mes pasado.

    O PSOE ribeirés amosou abertamente o seu rexeitamente á política levada a cabo polos populares coruñeses na organización da loita contra o lume. Segundo os socialistas, o PP utilizou dende a oposición unha ‘estratexia baseada na dilación co fin de transmitir á opinión pública que a lentitude da Xunta é a responsable dos retrasos na organización dos dispositivo antiincendios”.

    O voceiro dos socialistas ribeireses, Xosé Vicente Domínguez, considera estes feitos de ‘extrema gravidade’ posto que, na súa opinión, axudaron a incrementar a vaga de lumes provocando alarma social, a destrución da riqueza forestal e danos irreparables no ecosistema.

    Domínguez califica ademais de impresentable a actitude do anterior voceiro dos populares en Ribeira, Manuel Ruíz, que presentou unha moción ante o pleno culpando á Xunta de Galicia da demora na contratación das brigadas municipais. Segundo os socialistas ribeireses, os representantes do PP fixeron prevalecer os intereses políticos e particulares por enriba dos bens da comunidade e da seguridade cidadá. Neste sentido, insta a estes políticos a abandona-los seus cargos de xeito inmediato. Así mesmo, Xosé Vicente Domínguez resaltou o feito de que se multiplicaran por nove o número de detidos por provocar intencionadamente os lumes.

    Para o alcalde de Ribeira, Xosé Luis Torres Colomer, a declaración feita polos socialistas locais está fóra de lugar. Asegura que este concello non recibíu circular ninguna, e insiste en que, se houbo descoordinación, foi responsabilidade da Xunta. Xosé Luis Torres Colomer considera inaceptables as acusacións feitas polo voceiro dos socialistas locais, ou polo menos no caso do concello de Ribeira.

    O alcalde ribeirés foi tallante á hora de afirmar que Ribeira non recibiu ningún tipo de escrito do seu partido. Incluso suliñou que ó concello, que disponía en principio de dúas brigadas contraincendios, acabou cunha soa, tendo que recorrer a outro tipo de efectivos e á colaboración veciñal para acabar cos lumes.

    O presidente do Partido Popular en Galicia, Alberto Núñez Feijoo, tamén compareceu onte ante os medios de comunicación para xustificar o contido da circular. Feijoo admitiu a existencia desa carta pero tratou de desviar calquera responsabilidade aludindo a que só tivo coñecemento da mesma a raiz da denuncia realizada polo BNG e pasou a acusar á Xunta de estar levando a cabo unha estratexia de difamación contra o PP. O líder da oposición insiste en atopar unha trama política detrás das acusación feitas desde o goberno galego e presentou como proba o dato de que practicamente en tódolos concellos coruñeses se constituíron brigadas antiincendios sen que o PP se opuxese.

    Redacción Barbanza