LOUSAME> A problemática da mina de San Finx volve ser obxecto de debate tanto no parlamento galego como no europeo. O BNG presentou diversas iniciativas esixindo a paralización da actividade mineira ata que a instalación conte co preceptivo informe de avaliación ambiental.
O debate sobre os vertidos da mina de San Finx chegou ó parlamento europeo e farao nas próximas semanas á cámara galega. O BNG demanda da Xunta unha maior firmeza coa empresa concesionaria da instalación mineira. Solicitan que se suspenda toda a actividade na en San Finx mentres esta instalación non conte con estudo de impacto ambiental.
Non só o BNG senón tamén as organizacións ecoloxistas e as confrarías da ría levan tempo advertindo das graves consecuencias da actividade mineira que agora veñen de ser confirmadas pola propia Xunta de Galicia tras detectar altas concentracións de metais pesados no río Pesqueira.
Ós actuais vertidos engádese o risco derivado da existencia das balsas mineiras que conteñen toneladas de lodos contaminantes. Na actualidade presentan un avanzado estado de deterioro polo que a rotura dunha das balsas tería consecuencias catastróficas para toda a ría.