Turistas e veciños réndense ó sabor da raia de Portonovo

raia_prato100.jpgSANXENXO > Portonovo inicia tres días dedicados á Festa da Raia. Nesta edición a raia pódese degustar nunha quincena de restaurantes e tamén na carpa …

… instalada no porto. Nos establecementos o menú de raia en caldeirada custa 8,5 euros e na carpa pódense mercar racións de seis modalidades diferentes que oscilan entre os 3 e os 5 euros.

raia_comendo200.jpgA raia volve este ano a ter presencia na carpa instalada no porto de Portonovo, xa non só no expositor, senón tamén nos fogóns. Este mediodía achegáronse moitas persoas, sobre todo turistas vidos de Madrid, Bilbao ou Santander, ademais doutras zonas de Galicia. Algúns facían a comparación entre a raia de Portonovo e a do seu pobo, outros dicían preferir o polbo, pero en xeral gustou.

raia_cocina200.jpgNa cociña da carpa traballa arreo desde primeira hora da mañá un equipo de 15 persoas, entre alumnos da escola de hostalería de Pontevedra e persoal do restaurante Cachalote de Portonovo, que leva xa doce anos dedicado a esta festa. As racións estanse a despachar con prezos entre tres e cinco euros. Na carta, os comensais teñen ata seis formas de degustar a raia: en caldeirada, á prancha, guisada, en empanada, en tortilla ou en ensalada, estas dúas últimas como novidade.

Ademais da carpa, unha quincena de restaurantes da vila teñen estes días a raia en caldeirada no seu menú a un prezo de 8 euros e medio. Este ano participan: Titanic, O Vagabundo, Compostela, Dionisio, Burás, O Refugio, A Dorniña, Azor, Cachalote, A Curva, Manolito, O Chasco, O Salgadoiro, Aires do Mar e A Casa da Vella.  

RAIAS DE OURO

raiasdeouro200.jpgA programación iniciouse este mediodía coa entrega dos premios ós gañadores do concurso gastronómico e coa imposición das Raias de Ouro. Este ano distinguiuse a labor de José Antonio Maldonado, Director dos Servicios Meteorolóxicos de Televisión Española, e a Amanda Sabarís, fundadora de Avante. Maldonado lembrou que coñeceu Sanxenxo en 1966 sendo universitario e que logo volveu na súa lúa de mel. Recoñeceu tamén a importancia da información meteorolóxica para un concello turístico e mariñeiro como este.

A outra raia de ouro foi para Mandita, como se coñece en Portonovo a Amanda Sabarís, fundadora e ex presidenta da asociación Avante, de loita contra a droga. Recibiu a distinción moi emocionada, arroupada pola súa familia e os seus veciños. Ambas insignias fóronlles entregadas pola alcaldesa de Sanxenxo, Catalina González.

Neste acto tamén se deron os premios do concurso de gastronomía. En categoría amateur gañou Valentina Montes e na categoría profesional David Aguín, propietario e cociñeiro do restaurante Titanic.

Redacción Salnés