RIBEIRA> A Conselleira do Mar visitou a Escola Oficial Náutico-Pesqueira. Alí destacou a importancia da labor que realizan este tipo de centros para impulsar a remuda xeracional no sector marítimo-pesqueiro galego.
A incorporación de xente nova ás distintas actividades do mar é un dos principais retos do sector. De aí, o incremento do orzamento da Consellería do Mar destinado a formación que no vindeiro ano verase incrementado ata os dez millóns de euros. Ademais da escola de Ribeira, beneficiaranse deste incremento de case un cinco por cento do fondos os outros tres centros formativos dependentes da Consellería; A escola náutico-pesqueira de Ferrol, o Instituto marítimo pesqueiro do Atlántico de Vigo e o Instituto Galego de Formación en Acuicultura emprazado na Illa de Arousa.
Ademais deste incremento no orzamento, Rosa Quintana destacou as importantes melloras que se teñen feito nos últimos anos nos equipos técnicos do centro para situalo á vangarda da formación marítima.
Segundo as cifras do presente curso, o relevo xeracional no mar está garantido. Hai máis de 500 matriculados nos catro centros dependentes de Mar, 120 na Escola de Ribeira que imparte dous ciclos de grao medio de navegación e máquinas e unha titulación superior en máquinas. Tamén se realizan cursos non regrados para a obtención de certificados de profesionalidade e titulacións náutico pesqueiras.