Os afectados pola ampliación da Tomada percibirán oito euros por metro cadrado

    POBRA >  Os afectados pola ampliación da Tomada mantiveron un encontro co alcalde e o director comecial de Sigalsa, organismo responsable da tramitación do proxecto.

    Dez dos doce propietarios afectados polo proxecto da ampliación do polígono da Tomada asistiron a unha xuntanza co alcalde da Pobra, Isaac Maceiras, e o director comercial de Sigalsa, Manuel Balseiro.

    No transcurso da reunión, expuxeron ós veciños os pasos dados ata o momento e os acordos establecidos na recente xuntanza do alcalde con responsables da SEPES en Segovia na que se estableceu o prezo do metro cadrado en oito euros. A maior parte dos propietarios afectados á reunión aceptaron a contía pero haberá que agardar á próxima semana para coñecer a decisión dos catro restantes.

    Próximo inicio das obras

    De chegar a acordo, a finais de mes podería procederse á compra dos terreos co que o inicio das obras non se demoraría máis aló de fin de ano. Unha vez iniciadas, o proxecto contempla un prazo de execución de 18 meses para dotar a nova superficie empresarial da última tecnoloxía así como servizos e espazos dotacionais que establece a normativa.

    O alcalde pobrés quixo agradecer ós veciños a colaboración prestada para axilizar ó máximo o proxecto e non ter que recorrer á expropiación. O proxecto contempla a ampliación en máis de cen mil metros cadrados dos cales sesenta mil se destinarán á construción de instalacións para empresas xa radicadas no polígono.

    Redacción Barbanza