RIBEIRA> O concello de Ribeira concorrerá ós fondos europeos EDIL co Proxecto Ribeira Atlántica 2030. Contempla a transformación integral da zona de Bandourrío coa rehabilitación da nave de Cerqueira como centro sociocultural e o derrube do auditorio vello para a construción dun aparcadoiro soterrado.
O proxecto Ribeira Atlántica 2030 prevé un investimento próximo ós 13 millóns con cargo ós fondos europeos da Estratexia de Desenvolvemento Integrado Local. O obxectivo do goberno local é transformar un dos barrios máis antigos da vila como é de Bandourrío dotándoo de espazos públicos e zonas verdes. O proxecto contempla o derrube do vello auditorio onde se executará un aparcadoiro soterrado e a creación dunha gran praza e unha plataforma única cunha balconada aberta ó mar.
Outra das claves deste proxecto será a rehabilitación da antiga nave de Conservas Cerqueira para darlle un uso sociocultural.
Destaca tamén a aposta pola dixitalización dotando a Bandourrío de sensores e outros elementos á vangarda tecnolóxica.
Tras superar o trámite de aprobación no pleno, o concello remitirá a memoria ó Ministerio para valorar se é apta para concorrer a esta liña de subvencións.











