BOIRO > A corporación municipal de Boiro celebrou este mércores un pleno con carácter extraordinario para debate-los termos do convenio entre Eroski e o concello. No caso de chegarse a acordo, a finca e o Pazo de Goiáns pasarían de novo a ser de titularidade municipal a cambio da recalificación dos terreos situados na zona da Pedreira.
O grupo popular de Boiro solicitou a celebración desta sesión plenaria para aclarar os termos do convenio que o concello está a negociar coa sociedade Erosmer Ibérica. Os populares consideran que o executivo está a ocultar información ós propietarios afectados por este acordo que, ó seu parecer, terá consecuencias negativas sobre as propiedades, tanto públicas como privadas.
O alcalde, Xosé Deira, replicou ó voceiro da oposición co feito de que o anterior goberno do PP vendeu a finca de Goiáns a pesar de tratarse dun terreo protexido, non edificable e que contiña diversos elementos de interese patrimonial. Así mesmo, Deira inisitu en que ata o momento soamente se está a negociar e que, no caso de chegar a acordo, tódolos cidadáns serán informados.
Nesta mesma liña, o concelleiro de Urbanismo, Xoán León, inisistiu en que este convenio constitue un documento máis que se está a estudar como outros moitos que se levan analizado durante os dous anos que xa dura a negociación. Así mesmo, acusou ós populares de cometer un grande erro coa aprobación do PXOM e a recalificación do Pazo de Goiáns.
Pola súa banda, o tenente de alcalde, Xoán Xesús Ares, explicou que o goberno está a cumprir escrupulosamente a normativa vixente e incidiu na importancia de protexer o pazo e o seu entorno polo seu enorme interese paisaxísitco, medio ambiental e cultural.
O segundo tenente de alcalde, Manuel Velo, quixo deixar clara a transparencia do goberno na negociación deste convenio que non defende intereses particulares senón o interese xeral de tódolos veciños de Boiro.
Redacción Barbanza