Inícianse os trámites para a ampliación do polígono empresarial de Augalevada

ampliacionpoligononoia_080508.jpgNOIA > O executivo noiés celebrou unha reunión informativa para presenta-lo estudo de viabilidade de ampliación do parque empresarial de Augalevada

A concellería de Urbanismo, Vivenda e Solo de Noia que dirixe Xosé Bernaldo Castro consciente da necesidade de crear máis chan industrial no municipio, xa que a superficie do actual polígono de Augalevada está totalmente esgotada e non existen xa superficies libres para o asentamento de novas industrias, fixo un chamamento ó empresariado da localidade para que asistira a esta xuntanza celebrada onte pola noite na casa de cultura Avilés de Taramancos.

Á convocatoria acudiron uns 20 empresarios ós que se lles informou do estudo de viabilidade realizado para a ampliación do actual parque empresarial, baseado na reserva efectuada a tal fin dentro das normas subsidiarias municipais vixentes, datadas do ano 1990.

{flowplayer}barbanza/ampliacionpoligononoia.flv{/flowplayer}

Apertura de listas

A intención do executivo noiés pasa agora fundamentalmente por abrir unha lista durante un período de dous meses na que se poidan inscribir tódolos empresarios interesados en adquirir parcelas, indicando o número de metros cadrados que necesitarían así como a actividade a desenvolver.

Despois deste tempo volveríase a convocar unha nova xuntanza, xa cos empresarios interesados, na que se lles informaría máis concretamente das características do proxecto.

Evitar a especulación

Segundo o propio Xosé Bernaldo Castro con esta actuación trataríase de dar resposta ás necesidades do empresariado da zona e non á especulación. A superficie total que se baralla para a realización desta segunda fase rondaría os 130 mil metros cadrados, dos cales aproximadamente 66 mil corresponderían á zona útil para urbanizar.

A sú boa ubicación, con boas comunicacións con Santiago, faríao apetecible para moitos empresarios que necesitan de chan industrial para desenvolve-la súa idea de negocio nesta zona ou mesmo para ampliala actual.

Ademais daría solución a numerosas localizacións empresarias en lugares que non se axustan a criterios de ordenación, ó atoparse asentadas en núcleos urbanos, con actividades nocivas e molestas para a veciñanza, e que deste xeito, a través do seu posible traslado, verían resoltos os seus problemas.

 

Redacción Barbanza