CAMBADOS> A adega Martín Códax repartiu esta mañá os beneficios do seu ciclo de concertos entre as nove asociacións beneficiadas. Na súa sétima edición, Os Xoves de Códax recadaron preto de 45 mil euros que se entregaron a entidades que realizan diferentes labores sociais na zona. Dende a súa creación, esta actividade de Martín Códax recadou ao redor de 100.000 euros.
Martín Códax dá por pechada a edición deste ano do seu ciclo de concertos. Na súa sétima edición, Os Xoves de Códax confirmáronse como todo un éxito, enchendo de música fusión e público a Terraza da adega durante os xoves do verán.
Esta sensación de éxito vén dada tamén polas cifras. Este ano, os Xoves de Códax recadaron case 45.000 euros.
Estes cartos terán agora un destino solidario. Seguindo o compromiso que arrincaron hai xa sete anos, a adega cambadesa repartiu os fondos recadados entre nove asociacións que desenvolven diferentes labores sociais na contorna, como BATA, Arela ou TDAH Salnés.
Tamén recolleron as doazóns de Os Xoves de Códax as asociacións APROPARK, Cáritas, Afaga, Fundación Andrea, Solidariedade Galega co Pobo Saharaui e Amencer-Aspace.