CAMBADOS> Cambados prepara un roteiro centrado na presenza de Valle-Inclán na localidade. A idea é que estea rematada para o mes de febreiro, coincidindo co aniversario da publicación de ‘La lámpara maravillosa’, ensaio de 1916, durante a súa estadía no municipio. Este proxecto foi presentado hoxe, logo dunha ofrenda floral a Josefina Blanco, actriz que fora esposa do dramaturgo vilanovés.
Cambados lembra a figura de Josefina Blanco, coincidindo co 65 aniversario da súa morte. A actriz e esposa de Valle-Inclán foi homenaxeada polo concello cunha ofrenda floral no cemiterio de Santa Mariña.
O acto serviu tamén para avanzar algúns detalles do roteiro sobre Valle-Inclán que se vai crear na localidade. A ruta contará cun folleto interpretativo para que os visitantes poidan face-lo percorrido. A idea é que poida estar rematado no vindeiro mes de febreiro.
Polo de agora non está pechado o número de paradas que terá esta ruta. Polo de agora, están confirmados, ademais das dúas casas nas que viviu, outros puntos de referencia, como a taberna que frecuentaba ou a praia do Pombal.