POIO> Combarro está a piques de acoller unha das celebracións máis importantes da súa parroquia: a Festa do Mar. Un evento que comezará o vindeiro día mércores e no que haberá unha mostra gastronómica, un encontro de embarcacións tradicionais e, por suposto, moita música. Pola praza da Chousa pasarán artistas como Eleni Foureira, David de María ou Henry Méndez. Tampouco podemos esquecer a gran programación que este ano trae o Armadiña Rock.
Todo listo para que comece a 19ª edición da Festa do Mar. Este evento, que naceu no ano 2001 co obxectivo de promocionar a gastronomía local é xa un referente a nivel galego. A programación, como cada ano, ofrece actividades para todos os públicos, tamén para os máis pequenos.
Ademais da mostra gastronómica, na que este ano o Concello espera repartir máis de 1.100 kg de ameixa e mexillón, neste evento destaca tamén o encontro de embarcacións tradicionais. Unha cita que se leva celebrando 14 anos.
E por suposto, que sería da Festa do Mar sen a música. Pola praza da Chousa pasarán artistas como Eleni Foureira , David de María ou Henry Méndez. Ademais, dentro da programación musical está tamén o Armadiña Rock. Este ano como novidade haberá un Pregón a cargo de Xosé Constela e, en canto ao camping, nesta edición non será necesaria a inscrición previa.
Co obxectivo de que a Festa do Mar volva a ser un éxito, o Concello de Poio dará a coñecer, nos vindeiros días, un plan de tráfico. Como adianto, o goberno municipal pide aos veciños que utilicen os aparcamentos disuasorios para intentar liberar o máximo posible á parroquia de Combarro de vehículos.