![]()
SALNÉS > A penúltima xornada na Terceira División deixou dúas boas novas, a salvación acadada por Céltiga e Portonovo, e unha non tan boa, xa que o Vilalonga caeu en Ordes e perdeu así tódolas opcións de meterse na fase de ascenso.
Despois dun sufrimento que se prolongou durante 37 xornadas de Liga, Céltiga e Portonovo acadaron por fin a súa permanencia. Os primeiros en facelo foron os da Illa, o sábado ante o Ourense B. Gañaron a domicilio 0-1, tanto acadado por Tavi no 13′.
Dominaron en boa parte do partido, sobre todo na primeira metade na que puideron golear, pero ó final acabaron sufrindo, sobre todo despois de quedarse con dez pola expulsión de Adrián Nieto. Con todo, tres puntos merecidos que valen unha permanencia.
Tamén con sufrimento sacou adiante o encontro o Portonovo, ante un dos rivais máis complicados que lle podía tocar, todo un Cerceda que visitou Baltar xogándose as súas opcións de meterse en ascenso. Tinaia adiantou os locais xa na segunda metade pero Bautista empatou a cinco do final. Cando semellaba que se ía repeti-lo mesmo guión de toda a temporada, no que o Portonovo deixábase remontar sempre nos últimos intres, desta volta foron eles os que mataron ó encontro e Miguel no minuto 88 puxo o 2-1 e deixou a victoria e a salvación na casa.
O Vilalonga pola súa banda perdeu matemáticamente o soño de meterse na fase de ascenso. Os de Josiño Abelde caeron en Ordes por 2-1 aínda que mereceron mellor fortuna. Adiantáronse no marcador na primeira metade por mediación de Machu e tiveron ocasións para incrementa-la súa vantaxe, pero non o fixeron. Tralo descanso saíron fríos e encaixaron en quince minutos dous goles ante os que non puideron reaccionar.
O Arousa non se xogaba nada e caeu na casa co colista Lemos, por 1-2, nun dos peores partidos da temporada dos de Laxes.
Destacar en Preferente Autonómica a goleada que lle encaixou ó Unión do Grove ó Ribadumia na Senra, 1-4, no que foi o derbi do Salnés nesta categoría.
Redacción Salnés








