GROVE> Falece o afeccionado agredido hai dous meses nun partido de balonmán en Sanxenxo. Trátase de Andrés Rico, un veciño do Grove de 68 anos. Levaba na UCI dende o 15 de decembro, logo de ser agredido nun partido da categoría cadete entre O Rasoeiro e o Sanxenxo que estaba a arbitrar o seu neto. Foi agredido por un seareiro do Rasoeiro, logo de pedirlle que deixase de insultar ao árbitro. O concello do Grove decretou tres días de loito e convocou unha concentración para este martes.
A conmoción no Grove é total ao espertar este luns coa nova da morte de Andrés Rico, de 68 anos, moi coñecido na vila. Levaba en coma dous meses, logo dunha agresión nun partido de balonmán feminino entre O Rasoeiro e o Sanxenxo, de categoría cadete, que se estaba a disputar no pavillón de Vilalonga. O seu neto, de 16 anos estaba arbitrar o partido. Farto de escoitar a un seareiro do Rasoeiro insultar ao rapaz, dirixiuse a el para que parase. Este respondeu empurrándoo e provocando que o home caese, recibindo un golpe na cabeza. O balonmán galego di estar hoxe de loito.
O presidente da Federación Galega de Balonmán achegouse ao Grove ao coñecer a noticia a arroupar ao Rasoeiro. No clube están consternados co fatal desenlace, tendo en conta que o neto da vítima que arbitraba aquel encontro tamén é xogador do equipo meco, do mesmo que xeito que unha das fillas do agresor.
A Federación Galega de Balonmán emitiu hoxe un comunicado lamentando os feitos e pedindo perdón á vítima e á súa familia.
Con todo, salientan que agora é a xustiza a que debe actuar.
Tamén amosaba o seu pesar pola nova o alcalde do Grove que, ademais, é familias próximo da vítima.
O concello, por acordo de todos os grupos da corporación, decretou xa tres días de loito oficial. Ao mesmo tempo que convocou para este martes ao mediodía unha concentración. Do mesmo xeito, o Concello de Sanxenxo, onde ocorreron os feitos, emitiu tamén un comunicado lamentando este fatal desenlace.







