Fernández Moreda visita as obras que a Deputación está a executar en Rianxo

    moredaenrianxo_100_190508_.jpgRIANXO > Xornada maratoniana a vivida este luns en Rianxo polo presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda.

    {flowplayer}barbanza/moredaenrianxo.flv{/flowplayer}

    O titular do ente provincial achegouse a esta localidade para interesarse polo estado de varias actuacións que o organismo provincial está a desenvolver no municipio, cun investimento total próximo ós seis millóns de euros.

    A chegada de Salvador Fernánndez Moreda a Rianxo producíase ó redor das once da mañá. As portas da casa consistorial foi recibido polo alcalde, Pedro Piñeiro, e parte da corporación municipal. Despois de manter unha xuntanza co rexedor local e os portavoces dos grupos da oposición mantivo un breve encontro cos medios de comunicación. Acto que aproveitou para informar da elevada inversión realizada nos últimos anos polo organismo provincial neste municipio e que se achega ós seis millóns de euros, destacando actuacións como a piscina cuberta, o novo campo de fútbol de herba artificial de Asados, a mellora da rúa Rinlo ou adquisición de diversa maquinaria para o concello.

    O alcalde, Pedro Piñeiro, amosou a súa satisfacción pola visita a Rianxo do máximo responsable do organismo provincial, de onde é concelleiro honorario dende a década dos noventa. Pedro Piñeiro víase ledo e non era para menos, xa que o investimento realizado pola Deputación da Coruña nos últimos anos é significativo. Durante a súa intervención destacou a boa sintonía existente entre o concello e a institución provincial. 

    Maquinaria

    Logo da recepción oficial no concello a comitiva de autoridades iniciou un percorrido por diversas obras. A primeira parada foi precisamente na Praza Castelao onde estaba estacionada diversa maquinaria cuxa compra foi financiada polo organismo provincial.

    Trátase dun tractor de grandes dimensións, unha varredora e unha pintadora que veñen de ser adquiridas polo concello rianxeiro grazas ó Plan de Cooperación provincial cunha inversión de máis de 276 mil euros. Esta maquinaria será empregada para o mantemento e conservación da rede viaria local.

    Infraestruturas viarias

    A seguinte parada foi na rúa Rinlo, unha actuación xa rematada e que foi incluída no Plan de Travesías cun investimento de máis de 558 mil euros, e dende alí desprazáronse tamén ata a polémica rotonda, nas proximidades do colexio Castelao, que supuxo unha inversión de 80 mil euros.

    Instalacións deportivas

    Outra das obras visitadas foi a piscina climatizada cuberta presupostada en 1’5 millóns de euros. Obra practicamente rematada e que se atopa en fase de adxudicación por parte do concello, da xestión das instalacións. Un proceso que podería estar rematado para a súa apertura no mes de outubro.

    Posteriormente desprazáronse ata Asados para ve-la marcha dos traballos de construción da primeira fase do campo de fútbol de herba artificial cun presuposto de 600 mil euros. Alí o presidente provincial informou dunha nova inversión para esta infraestrutura deportiva por valor duns 400 mil euros.

    A visita do presidente provincial por Rianxo rematou en Taragoña a onde acudiu para anunciar que o campo de fútbol vai ser incluído na segunda fase de dotación de herba sintética ós campos da provincia da Coruña que se aprobará no pleno do vindeiro 30 de maio.

    POS 2008

    Durante a súa estancia na vila rianxeira Fernández Moreda tamén se interesou polos proxectos financiados a través do Plan de Obras e Servizos e que se achegan ós 550 mil euros para a execución de melloras na rede viaria local, o saneamento e o abastecemento de auga en varias parroquias do municipio. 

    A Deputación coruñesa ten adxudicado tamén recentemente un proxecto da mellora da sinalización vial por importe duns 12 mil euros para as zonas de Rinlo, Arcos, Rianxiño e Pazo e anunciou unha inversión de 649 mil euros para a execución da travesía na estrada provincial 7.202 de Rianxo a Burés por Asados, na que se contempla a construción de novas beirarrúas e a mellora do actual firme do vial.

    Tamén concretou unha partida de máis de medio millón de euros para a execución do proxecto de circunvalación por Rianxiño, unha obra necesaria e moi demandada polo executivo rianxeiro.

    Redacción Barbanza