O BNG reclama un plan de recuperación para a xunqueira de San Lázaro

NOIA> O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, realizou esta mañá unha visita á vila. O motivo non era outro que presentar as novas iniciativas rexistradas na Cámara Baixa sobre a recuperación da zona húmida de San Lázaro e a mellora do actual paseo fluvial, entre outras actuacións.

Acompañado do voceiro municipal, Ricardo Suárez, o deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, achegouse ata a zona húmida de San Lázaro para coñecer ‘in situ’ a súa problemática. O nacionalista presentou varias iniciativas no Congreso pedindo a súa recuperación e a realización dun proxecto paisaxístico e ambiental para a zona.

Un aspecto este, o da rexeneración, no que coincide tamén o voceiro do BNG en Noia, ó entender que a zona a día de hoxe presenta unha importante degradación.

Pero a visita de Rego continuou posteriormente por toda a comarca, onde tivo tempo de manter diversos encontros con representantes do sector pesqueiro e marisqueiro da zona, como é o caso da Asociación do Cerco de Galicia, ACERGA, ou con representantes das confrarías de Noia e Muros.

Rego mostrou o seu apoio ás reivindicacións da flota artesanal relativas ó novo regulamento de control de embarcacións que promove a Unión Europea, o  reparto de Tac´s e cotas ou os prexuízos para a flota galega da negociación do acordo do Brexit, entre outros.