O conflito co cerco ameaza a continuidade do patrón maior de Portosín

    PORTO DO SON> A tensión vai en aumento no seo da confraría de Portosín, que conta coa flota do cerco máis numerosa de Galicia. Precisamente o desencontro con este sector ameaza a continuidade de Gerardo Vázquez como patrón maior. A confrontación existente entre a Consellería do Mar e o cerco semella estar detrás da insólita situación que vive a confraría de Portosín. Despois de que se fixera pública a intención do patrón maior de abandonar o cargo, esta mañá os propios traballadores do pósito descoñecían se se tiña producido ou non a dimisión xa que, oficialmente, non tiñan recibido ningunha comunicación. O motivo da discordia foi a reunión que os armadores do cerco solicitaron á Conselleira do Mar. Unha xuntanza, que segundo a versión dos mariñeiros fóra convocada para este mércores pero que finalmente non chegou a celebrarse. Os representantes da flota apuntan a que o patrón maior non estaba de acordo coa actitude belixerante dos cerqueiros o que puido influír na anulación da xuntanza e na intención de Gerardo Vázquez de marchar. Pola contra, dende a consellería informaron de que non estaba prevista tal reunión. Polo momento, e á espera de que se aclare o que realmente aconteceu, non se ten formalizado oficialmente a dimisión.