O operario dun taller morre ó cortase na gorxa cunha rebarbadora

    accidente_laboral100_200508.jpgVILAGARCÍA > Un operario do taller La Junquera faleceu ó cortarse no pescozo cunha rebarbadora. O falecido é Carlos Pérez Angueira, de 32 anos.

    accidente_laboral300_200508.jpgVILAGARCÍA > Un traballador morreu esta mañá ó seccionarse a gorxa cunha rebarbadora nun taller de Vilagarcía. O falecido é Carlos Pérez Angueira, de 32 anos e natural de Caldas aínda que residía no concello de Barro, traballaba como operario de Automociones La Junquera, na avenida de Rubiáns.

    O accidente ocorreu ás dez da mañá no interior das instalacións no departamento de carrozados. Ó parecer o operario estaba a cortar unha chapa cunha máquina rebarbadora cando se lle rompeu o disco, que lle provocou un corte tan profundo no pescozo que lle provocou a morte case instantánea. No intre do sinistro atopábase no taller un médico que lle prestou os primeiros auxilios, pero ata o lugar tamén se trasladou unha ambulancia medicalizada do 061 e varias patrullas da Policía Nacional que só puideron certificar a súa morte.

    Carlos Angueira levaba máis de dez anos traballando neste taller de La Junquera, estaba casado e tiña dous fillos. Dentro e fóra da nave, compañeiros e clientes do taller non daban creto ó ocorrido esta mañá e lamentábanse da mala sorte de Carlos Pérez.

    Ata o lugar do sinistro tamén se desprazaron dous inspectores da Consellería de Traballo. Este é o segundo accidente laboral que se produce na provincia nesta semana. Onte mesmo falecía en Pontevedra un transportista ó quedar sepultado baixo unha carga de troncos de eucalipto. O sindicato Comisións Obreiras avalía como moi negativos os datos de sinistralidade laboral no que vai de ano, con 26 accidentes mortais, polo que urxe a posta en marcha do Instituto de Saúde Laboral.

    Redacción Salnés