O PP pide medidas para paliar a crise do gasóleo no mar

    pp_cambados100_200508.jpgCAMBADOS > O PP levará ó pleno unha moción para instar á Xunta a adoptar medidas que amainen a crise da suba do gasóleo na pesca

    … Os populares indicaron hoxe que a situación é alarmante e que só en Cambados xa desapareceu unha ducia de embarcacións do cerco.

    O PP denuncia que nos últimos anos o gasóleo se converteu nun producto de luxo, que hoxe supón máis do cincuenta por cento do custe de producción para un barco do cerco. Ata 12 ou 18 mil euros pode gastar agora un barco en combustible segundo a deputada autonómica Rosa Oubiña. No caso de Cambados, un dos portos coa flota de cerco máis importante da ría de Arousa, o PP indica que xa desapareceron unha ducia de barcos e que hai armadores ós que xa non lles venden gasóleo polas débedas que teñen.

    Os populares de Cambados levarán o asunto nunha moción ó vindeiro pleno municipal. Instarán á Xunta a buscar solucións xa. O PP lembra que antes das eleccións xerais propuxo unha serie de medidas para axudar ó sector, medidas que considera que aínda se poden aplicar hoxe. Unha delas pasa pola creación dun Fondo de Garantía que permita comprar o gasóleo a un prezo estable de entre 30 ou 33 céntimos por litro. Ademais propoñen a exoneración durante un ano da Seguridade Social, bonificacións do 60 por cento do IRPF ou a posta en marcha de novos créditos ICO.

    Redacción Salnés