Industria recibirá ós afectados galegos pola supresión da tarifa nocturna

    tarifa_nocturna_100.jpgRIBADUMIA > Tras varios meses de protestas, o Ministerio de Industria decidiu recibir en Madrid á Plataforma Galega de Afectados pola Supresión da Tarifa Nocturna.

    A xuntanza será en xuño entre este colectivo e o director de Política Enerxética. Nela os afectados vanlle trasladar a súa petición de que rectifiquen, polo menos, os puntos máis conflitivos do Decreto que contempla a supresión do servizo.

    Os afectados pola supresión da tarifa nocturna vanse reunir o 5 de xuño en Madrid co director xeral de Política Enerxética, Jorge Sanz. Esta xuntanza chega logo das continúas protestas e sinaturas recollidas polos particulares que teñen contratado este servizo , que deixará de aplicarse, se nada cambia, a partires do 1 de xullo. Galicia será unha das comunidades autónomas máis afectadas ó contar cunha alta porcentaxe de usuarios á tarifa nocturna, e dende a Plataforma Galega de Afectados, non perden as esperanzas de cambiar , polo menos, algúns puntos do decreto. Entre eles, o que contempla que tódolos usuarios teñan que contratar a máxima potencia durante tódolos meses do ano, ou o que lles suprime a tarifa VAL, a de menor custe, durante as horas do medio día e da fin de semana.

    Grazas ás protestas levadas a cabo pola Plataforma de Afectados, o Ministerio de Industria xa rectificou no mes de febreiro algúns puntos do Decreto, e esperan que en xuño poidan obter uns resultados similares. De non ser así, non descartan en seguir coas súas protestas e mesmo convocar unha manifestación.

    Dende a Plataforma Galega de Afectados, tamén queren recordarlle ós usuarios da tarifa nocturna que non se anticipen no cambio do contrato á tarifa discriminada, xa que poden correr o risco de que conste que quixeron suspender o contrato de forma voluntaria. O máis recomendable é logo esperar ata os últimos días antes do un de xullo, cando o Decreto comezará a aplicarse.

    Redacción Salnés