Remata a reforma do Mercado de Vilaxoán, sen data aínda para o regreso das praceiras

VILAGARCÍA> A reforma da praza de abastos de Vilaxoán encara a súa recta final. Os traballos supuxeron un radical cambio de imaxe dunhas instalacións que se atopaban nun estado moi deteriorado. Logo da reforma queda aínda pendente a compra de novo mobiliario e maquinaria, para o que o Concello quere contar coa opinión das praceiras. O alcalde, que estivo hoxe na Praza, confía en que as tarefas pendentes se resolvan axiña, confiando en que as praceiras poidan volver aos seus postos canto antes.

Aínda que con máis retraso do previsto, esta é a nova imaxe da praza de abastos de Vilaxoán. A reforma das instalacións supón un gran cambio no interior do mercado. Hoxe os opeararios daban os últimos retoques a unha actuación na que o concello de Vilagarcía investiu uns 200.000 euros.

Coa transformación do mercado, non só haberá espazo para as tres praceiras que ata tiñan aquí o seu posto. Tamén se vai montar un de comida xa preparada e ademais van quedar dispoñibles outros tres mostradores que, agarda o alcalde, outros negocios vaian ocupando logo desta reforma.

Unha vez rematado o groso da intervención, agora queda pendente a instalación de novo mobiliario e maquinaria, para o que o goberno local quere contar coa opinión das praceiras. Elas, por certo, pídenlle ao concello que o seu regreso se faga con tranquilide.

Di o alcalde que están desexando reabri-la praza de abastos de Vilaxoán, pero polo de agora resístese a dar unha data concreta de cando vai ser efectiva esa posta en funcionamento. Nestes momentos, á espera de que se poidan incorporar novos negocios, o mercado contará cunha peixería, unha froitería e unha carnicería que inclúe esa zona de comida preparada que se anunciou hoxe.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí