O proxecto de rexeneración da Carabuxeira comezará cunha aportación de 10 mil metros cúbicos de area

SANXENXO> Costas autoriza o proxecto para a rexeneración da Carabuxeira. Na primeira fase do proxecto realizarase unha aportación na praia de 10 mil metros cúbicos de area. A intervención podería retrasarse ata a primavera para evitar que os temporais dificulten os traballos.

Os veciños da praia da Carbuxeira comezan a ver a luz ao final do túnel. Despois de máis de 20 anos loitando pola rexeneración do areal, Goberno, Costas e concello de Sanxenxo acadan un acordo para devolver a praia ao seu antigo estado. A redacción do proxecto permitirá unha primeira aportación no areal de 10 mil metros cúbicos de area.

A intervención está vinculada a un proxecto do concello máis amplo que inclúe un paseo dende o centro da vila ata o hotel príncipe e a rexeneración total do areal. Unha vez aprobado por Costas, o concello encargarase de desenvolver o proxecto a través de Nauta.

A creación do dique do porto fixo que mudasen as correntes das mareas, trasladando a area da Carabuxeira ata o porto. Coa intervención recuperarase a propia area da praia.

Unha vez licitado o proxecto, a aportación levaríase a cabo en 45 días. Por precaución debido aos temporais é posible que a intervención se aprace ata a primavera. O resto do proxecto desenvolveríase ao longo dos vindeiros anos.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí